A Insumisión dos Comúns

Finalmente temos un debate político aberto sobre un tema común de importancia, o cal estaba a ser adiado en favor doutras necesidades corporativas ou programáticas da Marea, quen declarándose parceira, conta cunha moi superior forza política e mediática en base á cual absorbeu durante estes dous últimos anos máis dunha proposta de desenvolvemento colectivista híbrido na cidade.

Neste caso dase tamén o feito de que nesta ocasión, as interlocutoras da Marea non son xa activistas profesionais, nin axentes dispostos a hibridar procesos únicamente contando coa promesa da boa vontade, transparencia e blabla (engádanme a min nesta última lista). Non, agora hai pulso político, e coma me aclarou o prof. Grosfoguel durante unha conversa, este so se gaña cando se xuntan elementos de forza detrás de un. Unha mágoa para os idealistas, máis tamén un baño de realismo de incalculable valor. Penso que o feito de que haxa tanto debate estes días débese a que á Marea cústalle moito unha confrontación directa con quen simbólicamente precisan ter perto para manter o seu nivel discursivo. As chamadas ao diálogo son magníficas e moi motivadoras. Pero ten uns cantos peros que habemos pulir.

Grazas tamén a que desta vez dispoñemos das palestras e dos lugares para nos falar, podemos desenvolver liñas de debate diversas que favorezan unha comprensión máis completa sobre a cuestión das comunidades autoxestionadas e conscientes na nosa cidade. Preciso aclarar que neste caso eu só son un usuario máis da Insumisa, apenas fun a 5 asambleas e uns cantos eventos culturais, moi agradecido dende logo por poder acceder a un espazo así e coñecer alí a xente fermosa e aprender e disfrutar moito con elas.

Compre que non obviemos que quen okupa un espazo público con un proxecto tal coma o da Insumisa, reivindica públicamente a reapropiación do territorio común, por dereito propio e sen permiso, para abrilo a toda a aldea urbana. E iso é algo para o que se precisa moita audacia e xeitos de comprender o mundo extraordinariamente críticos, libres e creativos: actitudes que favorecen a expansión dos límites da conciencia colectiva, deconstruindo estructuras e xogando de novo con todo o esencial que compón a nosa materia cultural e social.

Fica evidente tamén que ese espazo é o lugar onde menos dispostas están a dar pasos atrás nas conquistas.

A cuestión do Poder

Custa moito eliminar das nosas cabezas a asunción de que o mundo pertence ao estado, e se ben é certo que este último medra exponencialmente dende sempre coa expropiación progresiva do poder ás comunidades naturais, compre lembrar para este debate que as persoas non lle pertencemos, nin os nosos pensamentos nin as nosas presencias. A creación de comunidade é unha inercia creativa esencial do ser humano, non só non precisamos políticos coidadores que pensen ou actúen delegadamente por nos con amplos poderes, se non que precisamos avanzar cara a outro modelo que teña ferramentas a pé de rúa, deconstruir as super-estructuras centrais canto antes e reinsertarnos en novas formas de poder distribuido. Persoalmente penso que tal debería ser a labor de todas por un tempo.

Cústame asumir que xa chegáramos a crer inxénuamente a idea de que o estado foi aquela cousa que pola sorte da boa vontade das persoas, decidimos un día todos e todas instituir. Unha observación simple da historia máis recente dá para ver con claridade que os estados e os seus modelos de xestión son e actúan baseados en procesos constantes de expropiación da autonomía e capacidade de autoorganización colectiva. Para colmo, ao expandirse, os estados fanse menos operativos, polo que reducen a nosa calidade de vida política, cultural e social. Expándense e ocupan en exceso, sempre polos medios da forza explícita ou implícita, coa exclusividade no uso da violencia física, acción fiscal, penal, administrativa… Ate na creación de imaxinarios ten máis poder do que debe, a través dos medios da publicidade, a TV e a prensa.

De recoñecermos un goberno local lexítimo temporalmente, este tería coma misión a de frear a expansión do estado e os gobernos sobre a nosa aldea, restaurar procesos de creación de comunidades locais, desenredar tramas de delincuencia arredor do poder, frear a expansión da pegada capitalista sobre a sociedade e o ambiente, promover modelos productivos sustentables e dignos, e retornar os recursos comúns a unha cidade que fose cada vez máis consciente da súa capacidade. Concedémoslle e mesmo esixímoslle esta potencia aos compañeiros e compañeiras da Marea. Pero é importante que non caian na tentación de nos querer gobernar. Algunhas poñemos moito tempo, soños e emocions para tratar de conquistar lugares e tempos nos que non teñamos que depender máis dun modelo tal. E mentres, non podemos permitirnos sentarnos a escoitar monólogos.

Unha Sociedade en Rede

Xa non son poucos os proxectos na Galiza que queren materializar respostas sólidas a esa ficción da cidadanía participativa, que no fondo so é maquillaxe da sobre-expansión e solidificación do estado e os seus desequilibrios sociais. O modelo do interese xeral ordeado por un poder central é política-ficción, e precisamos comezar a implantar novos sistemas abertos en experiencias asequibles, asumibles. Eses proxectos comunitarios da cidade e do país non naceron coma proxectos culturais de lecer extra-laboral. Destaco isto por se cabe algunha dúbida. Son formas de vida. Artellamos cada día unha sociedade en rede aberta, coordinada, de poder deslocalizado e economía colectiva, con sobrada capacidade para facernos cargo das estructuras e aplicativos comúns que precisamos construir. Unha #rede que procura precisamente cooperar na xestión do que é común, así coma tamén liberar de xeito sustentable o tempo, elemento chave para materializar o retorno á soberanía en cada persoa.

Reclámase aquí entón o dereito a crearmos esas propostas no corpo común, o que é de todas e tamén nos pertence: A cidade, coa súa territorialidade material e inmaterial. E neste caso da Insumisa reclámase, coma xa se evidencia, sen pedir permiso. Pretender negociar con iso sen o emprego da forza require algo máis de miras.

A cuestión do diálogo entre iguais

Unha sociedade que quere medrar de xeito descentralizado, desenvolve uns modelos específicos de relacións que a dignifican. Unha das chaves disto, en relación co monólogo institucional actual, é que as persoas non gustamos de ser olladas dende arriba. O termo global P2P -Peer to Peer- que permeou dende o ámbito das tecnoloxías libres ás nosas comunidades analóxicas, expresa o concepto universal de relación entre pares, e foi traducido de xeito acaído á nosa lingua coma “Entre Iguais”.

Precisamos darlle valor ao feito de que un proxecto comunitario que resignifica un espazo dende unha samblea aberta na que se coordinan accións colectivas no seo da cidade e cun imaxinario medrante, é unha institución, unha das nosas Institucións dos Comúns. E coma tal que é así, agarda ser tratada con todo o respeto cando se lle chama a cooperar, alén da economía que manexe e sen ter que demostrar o tamaño da súa “forza política” que manexe. Iso é un pensamento moi necesario que sae fora do modelo capitalista que dá tanta importancia ao peso político, económico ou mediático do interlocutor.

Durante estes anos de “cultura da participación” na Coruña o goberno da Marea Atlántica manexou públicamente unha linguaxe cooperativista que considero irresponsable e inapropiada, tendo en conta ás súas prácticas reais durante varios dos procesos de negociación con colectivos da cidade, nas que impuxo planos de ruta propios, tempos propios e relacións lamentablemente pouco transparentes. Falo por exemplo do Colab no Agra do Orzán ou do Proxecto Cárcere en Montealto, por que coñezo de primeira man o acontecido, ainda que tamén escoitei historias nos Castros e noutros lugares. Dende un lugar central tal, a participación non pode aspirar a ser máis que unha intervención política superficial ou unha práctica de xestión cultural dirixida dende o concello. Penso que non era o plan que moitas tiñamos na cabeza. A cidade, xente, está viva e ten os seus propios procesos. Non acompañalos é un erro político de primeiro nivel. Pero tentar gobernalos semella ainda máis grave.

Nese sentido acredito que o concello debería comportarse correctamente dunha vez e recoñecer que ten diante varias institucións reais e necesarias na cidade e no país, e establecer un verdadeiro diálogo dende un completo respeto. De non facelo, abordando uni-direccionalmente estas cuestións pero mantendo un discurso público de apariencia cooperativa, destrúese a confianza e provoca aillamentos políticos no seo dunha xeración tan valiosa como a nosa, que ainda diverxendo nos formatos, semella compartir necesariamente moita cousa. Non promover un diálogo entre iguais significa non recoñecer a natureza e a potencia da outra aquí e agora.

Non se comprende que sexa tantas veces máis importante na axenda o que opine a Voz de Galicia ou fale a mafia do Partido Popular por twitter, que a mesma atención ás idiosincrasias, necesidades, plans de desenvolvemento e autonomía dos axentes que se encontran diante. Non se comprende en relación con iso a desatención á necesidade de proxección de espazos resilientes na cidade, estables baixo modelos cooperativos e horizontais, fora do control desta corporación e doutras futuras, e fora das liortas pasivo-agresivas entre faccións que representa a política representativa en María Pita.

A cuestión da Autoxestión

O pasado ano durante o encontro Hiperespazos, escoitei a alguén falar nunha das mesas redondas do tema da autoxestión económica. Defendía dende o descoñecemento que todas nos autoxestionamos, que O Corte Inglés tamén autoxestiona os seus recursos… Ehm…

Chamamos autoxestionarias a aquelas comunidades, espazos e colectivos independentes de natureza autosustentable e sen ánimo de lucro que rexeitan inversións económicas de empresas e institucións verticais e centralizantes, inversións que impliquen poñer en risco a nosa natureza autónoma, as nosas formas de gobernanza ou os nosos principios e obxectivos. Da man da autoxestión vai a cuestión da economía do ben común, a que colle eses recursos que entran de forma autoxestionada e os re-invirte na propia comunidade, favorecendo a abundancia colectiva fronte á lóxica privativa do modelo capitalista baseada na propiedade.

A Cuestión da “Política Pública polo Interese Xeral”

Se hai un meme perigoso en política, é a teima do “Interese Xeral”. Aquela tábula rasa ou rodillo democrático que nos ubica a todas no mesmo molde, lima as pontas e reprime as saídas de fondo e de forma. Por iso existe o anarquismo na práctica. As persoas e as comunidades que creamos en base ás peculiaridades sociais e culturais de cada casa, barrio, aldea ou comarca non somos “xerais”, somos diversas, non queremos ser todas o mesmo, non queremos paternalismo amigo, procuramos autonomía e medrar coma sociedade para quebrar antes que tarde a cadea do control estatal. Por iso hai redes globais de confrontación ao capitalismo. Por iso existen movementos cooperativos de insubmisión fiscal. Por iso todo aquilo que nunca poderá caber nunha corporación, por que non é articulado dende todas as voces, se non que é articulado dende a unificación paralizante.

Mau de aquel que se posicione a longo prazo “equidistante” entre a cidadanía e os comúns, pois a cidadanía non existe, é un invento político que sirve para simplificar a diversidade complexa que somos. Precisamos pola contra unha corporación que favoreza o desenvolvemento e afianzamento dos movementos sociais na cidade. Se alguén pode e debe facer de ponte na traslación de poder entre o recurso público e os comúns somos Nós, as propias comunidades, que sendo abertas e loitando por saber abrazar de verdade esa diversidade, somos quen de recuperar e poñer en práctica modelos de gobernanza común no territorio.

Cal modelo, xente?

Pretender que un Centro Social Okupado e Autoxestionado vaia ser integrado sen máis na burocracia da xestión cultural participativa local, dentro do seu propio espazo de conquista, é cando menos inxénuo. É evidente que é o mellor mal menor que se quere permitir propoñer este concello, pero bótase en falta unha visión ben máis ampla e audaz. Era mellor traballar por desenvolver estratexias, legais ou organizativas que aforren a esta comunidade lexítima da nosa cidade cidade o feito de ser desaloxada dun espazo que ate hai pouco estaba abandonado debido aos plans da mafia político-militar que gobernou esta cidade e ainda dirixe o Estado español. Anque for pola evidencia política sobre a especulación que se visibiliza dende a proposta da Insumisa, xa compensou o proceso, e estou certo que moitas na asamblea do CSOA fican dispostas a asumir un desaloxo, coma parte natural do mesmo. Máis si que é certo que custa pensar en que desapareza a beleza que acadou coma comunidade e coma espazo.

Custa tamén comprender a solución oficial posible que se destila dende o ámbito institucional, e que ten moitas posibilidades de dar nunha versión descafeinada da experiencia actual, pasada polo filtro da “participación cidadá”. Nese terreo, corre o risco de ficar “co-xestionada” por mediadoras asalariadas xurdidas dos arredores da área profesionalizadora que exerce a Concellaría de Participación, un erro terrible, de xeito semellante ao desastre que aconteceu co Matadoiro en Compostela ao principio.

Corremos o risco, finalmente, de confiar na proposta e logo sentírmonos defraudadas, coma acontece no caso do Cárcere da Torre, lonxe ainda a súa asamblea de recibir un trato digno de negociación por parte do goberno local.

Pode non ser todo negativo e de seguro que hai saídas. Non será por propostas e vontades. Para quen queira escoitar, hai algunhas voces aquí e acolá que reclaman diálogo e teñen ideas, pero pra iso compre que o diálogo sexa real, tendo en conta todas estas cuestións xa faladas e outras que outras persoas e comunidades engadirán. De seguro tamén que moitas das persoas e colectivos que estamos falando deste tema e participando en procesos similares por todo o territorio galego, estamos abertas a mediar por acadar algo mellor que o proposto ate agora, sexa neste espazo, sexa noutro, por que algo que si considero vital, é que as comunidades do país afiancemos a conciencia de que imos xuntas e podemos loitar, darnos soporte e construir xuntas.

Boa sorte a todas.

http://gz.imaxinaria.org

http://casacolorida.net